Saturday 11 de May de 2024

Ovidio Rodeiro aproba a estrutura do Goberno de Boqueixón, ao que se incorporan cinco novos concelleiros


O novo Goberno municipal ten unha media de idade de 42 anos, catorce menos que a media da pasada lexislatura

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, vén de aprobar a resolución pola que se estrutura as áreas de Goberno dos diferente concelleiros e concelleiras para a lexislatura 2023-2027. “Non hai un instante que perder, que catro anos corren moi rápido”, asegura Rodeiro Tato, quen dá a coñecer o seu Goberno apenas cinco días despois da súa toma de posesión como alcalde.

Un novo Goberno que se caracteriza pola súa xuventude, cunha media de 42 anos, catorce menos que na lexislatura anterior, e pola incorporación de cinco persoas que se estrean como concelleiros e concelleiras. De feito, eles son os responsables do baixón de idade mencionado, pois a media de idade das novas incorporacións no Concello de Boqueixón é de 37 anos.

Estrutura do Goberno

O novo Goberno municipal de Boqueixón contará con oito áreas diferenciadas. A primeira delas, a Alcaldía, contará con Ovidio Rodeiro Tato á súa fronte, que terá como áreas propias: secretaría municipal, asuntos protocolarios, relacións institucionais, relación coas comunidades residentes no exterior, promoción do Concello, persoal, ordenación urbanística e expropiacións.

O alcalde saínte, Manuel Fernández Munín, será o concelleiro de Servizos e Obras Públicas. Este Departamento encargarase da política de vivenda, obras públicas, coordinación de investimentos en infraestruturas, programa de control e supervisión de consumos e subministración eléctricas, revisión de contadores, transporte metropolitano, abastecemento e saneamento, xestión do punto limpo e servizo do lixo así como das concentracións parcelarias.

Pola súa banda, José Manuel Iglesias Gómez ocupará a Concellería de Facenda, Servizos Xerais, Mantemento e Limpeza. Baixo a súa man estarán o programa de mantemento de vías e camiños, peches e obras menores, servizo de limpeza viaria, beirarrúas e áreas recreativas, programa de mantemento de pistas forestais, programa de rozas, programa de limpeza e mantemento de edificios públicos, protección civil, seguridade cidadá, parques e xardíns, protección ambiental e defensa contra incendios. A maiores, terá delegadas as competencias en xestión económica, control financeiro e orzamentario e xestión tributaria.

Novas incorporacións

Entre as novas incorporacións figura Ángela Conde Leis, concelleira de Servizos Sociais e Igualdade. As súas áreas propias incluirán a atención á terceira idade, discapacidade e colectivos en risco de exclusión, coordinación dos programas de dependencia e cobertura das necesidades sociais básicas, políticas de igualdade social, coordinación do CIM e políticas de igualdade de xénero.

Outra das incorporacións, Gonzalo Redondo Rendo estará á fronte da Concellería de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías. A este Departamento corresponderalle a promoción e programación cultural, políticas de educación, xestión dos locais socioculturais, implantación das novas tecnoloxías e dinamización tecnolóxica.

Pola súa banda, José Luís Mareque Simón será o concelleiro de Industria, Turismo e Desenvolvemento Local. Esta área municipal encargarase da xestión dos parques empresariais, comercio, protección ao consumidor, feiras e promoción económica. Así mesmo, promoverá programas formativos e de desenvolvemento local, promoción e dinamización turística: Pico Sacro, Vía da Prata, Ponte Ledesma, San Cidre, Xenerais da Ulla… e garantirá a protección do patrimonio histórico e artístico. Finalmente, encargarase das áreas de desenvolvemento rural, agricultura, gandería e montes, industrias derivadas destes sectores.

Finalmente, Diego Esturao Rosende será concelleiro de Deportes (de quen dependerán a programación e promoción deportiva, a xestión das infraestruturas deportivas e a coordinación das entidades deportivas do Concello) e Sonia Suárez Casal será a concelleira de Participación Cidadá, Xuventude e Voluntariado (unha área que xestionará os numerosos e importantes programas e políticas de xuventude e voluntariado xuvenil).